Vilagarcía acolle a terceira proba do Cpto. Galego de Trial

VILAGARCÍA> O Motoclub Sqem organiza esta fin de semana unha proba do Campionato Galego. Será o domingo pola mañá, na zona de Rubiáns. No evento participarán preto de 70 pilotos de toda a comunidade.

A Asociación Deportiva Motoclub Sqem volve a organizar esta fin de semana unha proba do Campionato Galego de Trial. Despois do seu paso por Entrimo e Aldán a competición trasládase o vindeiro domingo a Vilagarcía, onde había anos que non recalaba, aínda que sí o fixera a Copa de España Femenina.

O lugar de saída e o padock estarán situados en Rubiáns, no Cento Cultural O Souto. Ahí estará a dirección da proba e haberá lugares dispoñibles para que os participantes que se trasladen en caravanas poidan ter alí un enganche.

Este ano prepararanse oito zonas, ás que os preto de 70 pilotos terán que dar tres voltas. Os participantes estarán divididos en sete categorías. Haberá tres grupos de zonas: a metade delas colocadas ó carón do depóstio de auga de Perrón, outras tres nunha canteira próxima e a zona 8 ó carón do padock.

A proba dará comezo ás 10:00 da mañá e terá unha duración aproximada dunhas cinco horas. Rematarase, como é costume, coa entrega de trofeos e cun pincho por parte da organización.

Dende a organización do evento, o Motoclub Sqem, quixeron deixar ben claro a escaseza de medios dos que dispoñen para celebrar a proba e a falta de axudas por parte das adminitracións. Sí que agradecen o apoio recibido por Protección Civil e a colaboración da concellería de Obras de Vilagarcía, na organización do percorrido e na limpeza das zonas.

Redacción Salnés