Vilagarcía móllase un ano máis por San Roque

    VILAGARCÍA> A Festa da Auga de Vilagarcía non defraudou. Un ano máis, milleiros de persoas amosaron a súa devoción por San Roque e, como non, pola Festa. As rúas cualificadas como zona húmida da vila ferveron durante toda a mañá de veciños e visitantes, que non quixeron perder unha das citas máis importantes do calendario festeiro nacional. O sol brilou en Vilagarcía, pero hoxe puido ser un dos días do ano nos que caeron máis litros de auga por metro cadrado. Milleiros de persoas saíron ás rúas da cidade para reclamar a súa particular chuvia. Hoxe a vila estivo completamente paralizada, pero para moitos a festa xa arrincou onte pola noite, aproveitando a véspera do día grande de San Roque. Xa no mediodía a comitiva chegou a San Roque e, trala intervención do pregoeiro, desatouse o verdadeiro chaparrón, coa auga caendo tanto dende os balcóns como do propio chan. Un ano máis a Festa da Auga demostrou que é unha das raíñas do verán arousán. Mentres uns estababan de festa, o servizo de Protección Civil de Vilagarcía traballou arreo para garantir a seguridade dos asistentes. O operativo especial comezou onte ás 10 da noite e prolongouse ata as 2 do mediodía de hoxe. Estivo composto por 20 operarios do servizo, dúas ambulancias e seis vehículos patrulla. En total, as ambulancias realizaron 40 intervencións, case todos na zona TIR e portuaria e principalmente a varóns de entre 20 e 30 anos. Destes servizos, destacan 5 intoxicacións etílicas de menores de idade, entre eles un de 14 anos, e unha agresión cun obxecto punzante. Tamén tiveron que intervir no momento de comezar a botar a auga despois de que un mozo perdera o coñecemento e convulsionara durante varios minutos. Tivo que ser atendido e foi trasladado ata o Hospital do Salnés. Ademais, foi necesaria a intervención de Protección Civil nun accidente de tráfico na suba para Cornazo.