O BNG acusa a un edil popular de irregularidades urbanísticas

    parcelamodia2 copia.jpg CAMBADOS> Aseguran que a conversión en viñedo do Pinar da Maza é ilegal. Desde o concello din que os traballos feitos polo de agora contan con permisos.

    {flowplayer}images/salnes/DENUNCIA_BNG_CAMBADOS_030512.flv{/flowplayer}

    O BNG de Cambados vén de destapar unha presunta ilegalidade urbanística no concello da que responsabilizan directamente a un edil do grupo de goberno: o popular Juan Ramiro Gómez Blanco. Piden a súa dimisión e sixen explicacións ó actual alcalde, Luis Aragunde, e ó anterior, José Manuel Cores Tourís, posto que, segundo os nacionalistas, a súa dona está vencellada a esta presunta actuación ilegal.

    A investigación comezárona a raíz da inquedanza que comezou a xurdir entre os veciños do lugar de A Modia. Alá polo mes de febreiro, empezaron a desaparecer os piñeiros, eucaliptos e sobreiras que poboaban a parcela situada xusto fronte á igrexa parroquial, coñecida co nome de Pinar da Maza. Foi entón cando os nacionalistas decidiron informarse sobre a situación do terreo e solicitaron no concello ver o expediente.

    Segundo explica Víctor Caamaño, os primeiros documentos que acompañan o expediente datarían do 23 de febreiro, pero a actuación, asegura, comezouse antes desta data. A parcela en cuestión conta cunha superficie de preto de oito hectáreas e a intención sería transformar unha zona forestal nunha plantación de albariño. Algo que nestes intres, segundo o BNG, é ilegal, porque nas normas subsidiarias do concello o terreo está catalogado como de protección forestal.

    Nese expediente figurarían dúas empresas como responsables da actuación: unha comunidade de bens e unha Sociedade Limitada a nome do edil popular Juan Ramiro Gómez. Desde a formación nacionalista consideran moi grave que, sendo o responsable da obra un membro do goberno, exhiba unha actitude tan pouco exemplar. Consideran ademais que a parte da infracción de tipo urbanístico, poderían terse cometido outros dous delitos: un de tipo medioambiental e outro contra o patrimonio. É por todo isto que Caamaño e a súa formación esixirán ó executivo cambadés a dimisión do edil implicado e que se ofrezan as explicacións pertinentes.

    Con tódolos permisos

    {flowplayer}images/salnes/RESPOSTA_ALCALDE_030512.flv{/flowplayer}

    A resposta do alcalde Luis Aragunde chegou momentos despois. O rexedor acusou ó BNG de terxiversar e manipular a información intencionadamente. Asegura que o rexedor que as actuacións realizadas ata agora na parcela contan cos permisos legais necesarios outorgados pola Xunta, documentos que figuran no expediente. 

    Aragunde insiste en que trala presentación do proxecto por parte da Sociedade responsable da actuación, iniciouse a tramitación da licenza municipal, procedemento no que se atopan nestes intres, solicitando os informes necesarios ás administracións competentes.

    O rexedor cambadés acusa ó BNG de malinterpretar a lei e de intentar confundir á opinión pública como parte dunha política, di o rexedor, baseada no insulto e no engano. No tocante á solicitude de dimisión do edil popular Juan Ramiro Gómez Blanco, o alcalde desvía o tema alegando que a entidade que solicitou a licenza é unha empresa.

    Redacción Salnés