O Grove presume de centolas e cogomelos da man de dous cociñeiros da vila

O GROVE> As centolas e os cogomelos únense no Grove. Foi nun showcooking organizado no marco da Festa da Centola do Grove, que continúa durante esta fin de semana. Dous cociñeiros mecos, Marcos Otero e Óscar Cousido, foron os encagardos das elaboracións, nas que combinaron estes dous produtos en distintas propostas. Como complemento, as persoas que participaron nesta actividade puideron tamén visitar unha mostra na que se expoñen distintos tipos de cogomelos.

No marco da Festa da Centola, que organiza Emgrebes, a lonxa meca acolleu un showcooking no que o cobizado crustáceo comparteu protagonismo cos cogomelos. Os dous produtos estrela do outono do Grove foron os eixos dun taller de cociña liderado polos cociñeiros da vila Marcos Otero e Óscar Cousido.

A iniciativa, que contou cunha gran afluencia de público, forma parte da programación das vixésimo terceiras xornadas dedicadas á centola. Unha proposta que arrancaba o pasado 27 de novembro, como sempre, funcionando como un gran revulsivo para a vila.

Unha cita que se vai prolongar ata este vindeiro luns, aproveitando a ponte da Constitución que temos por diante. Para esta fin de semana longa, tamén mo boas expectativas.

Unha edición, ademais, que vén marcada por un produto dunha excelente calidade.

A maiores, esta Festa da Centola complétase con outros reclamos. Por exemplo, esta mostra de cogomelos, que tamén puideron contemplar os asistentes ao showcooking de onte na lonxa. Ademais, ao longo desta fin de semana, ofrecerán distintas propostas musicais. Este venres á tarde animou O Grove a Charanga Noroeste. Ao longo desta fin de semana hai tamén programadas actuacións de Paranda-Mecos, Cantodorxo e Arroba de Viño.