![]()
BOIRO> O Barbanza festexou por todo o alto o día das nosas letras coa romaría celebrada no Pazo de Goiáns.
{flowplayer}barbanza/romarialetras.flv{/flowplayer}
Dende que o pazo de Goiáns volveu formar parte do patrimonio público, a asociación cultural Barbantia e O Faiado 2 o non puideron atopar un lugar mellor para conmemorar o Día das Letras Galegas.
A romaría das letras consolidouse este ano como o acto central da comarca, con centos de asistentes que pasaron o día na finca do pazo boirense desfrutando das moitas actividades organizadas co gallo desta celebración. As actuacións de música e danza amenizaron a mañá co grupo de pandereteiras Albaroque, os gaiteiros da escola de música municipal, Algarabía e Xilbarbeira.
Tralo xantar tivo lugar o recital de textos de Valentín Paz Andrade seguido da presentación do libro ‘O alento nas costas’ da escritora boirense Natalia Carou. Os asistentes á romaría tiveron tamén ocasión de realizar un paseo botánico e etnográfico pola finca de Goiáns, guiados pos explicacións do profesor Xulio Gutiérrez e a presidenta do Faiado 2, María Luisa López. As actuacións da banda de música tradicional Suevia de Porto do Son e o gaiteiro Anxo Lorenzo pecharon a xornada dedicada ás nosas letras.
Actividades para nenos
Na Pobra os cativos convertéronse nos principais protagonistas da Festa do Galego celebrada no Cantón da Leña. A través de obradoiros e actividades lúdicas achegáronse á nosa lingua con actividades encamiñadas a fomentar o uso do idioma entre os máis cativos.
Redacción Barbanza










