RIBEIRA> O Servizo Marítimo da Garda Civil incautou preto dos 800 quilos de sardiña no porto de Ribeira.
Nunha inspección realizada a un barco que descargaba esta especie no peirao, os axentes localizaron unhas 60 caixas deste peixe ocultas tras outros embalaxes do buque.
Ó parecer previamente xa realizaran na lonxa unha descarga de algo máis de tres toneladas.
Ante estes feitos, os axentes procederon á realización das correspondentes actas de denuncia por supostas infraccións da Lei 11/2008 de Pesca de Galicia por capturar especies superando o tope permitido e por unha declaración fraudulenta nas capturas de sardiña.
O peixe incautado foi almacenado nunha cámara frigorífica da propia lonxa para a súa posterior recollida polo Banco de Alimentos de Santiago.