![]()
RIBEIRA> Frinsa celebra o cincuenta aniversario da súa fundación como o grupo empresarial que marcou un antes e un despois no sector da conserva.
{flowplayer}barbanza/aniversariofrinsa.flv{/flowplayer}
O 27 de setembro de 1961 nacía en Ribeira a primeira factoría de Frinsa. Dende aquela, moito ten mudado ó longo destes cincuenta anos nos que Frinsa converteuse nun gran grupo empresarial.
O segredo do seu éxito estivo nun principio na aposta pola innovación abrindo un mercado que non existía para surtir de peixe conxelado á industria conserveira que daquela traballaba só con fresco; feito que supuxo unha auténtica revolución do sector.
Diversificación
Co paso do tempo, o presidente e fundador de Frinsa, Ramiro Carregal, soubo adaptarse ós cambios apostando pola diversificación do negocio que na actualidade vai moito máis aló do frío industrial coa fabricación de conserva propia ou mesmo a posta en marcha dunha planta de coxeneración e un parque eólico para a produción de enerxías renovables.
A diferenza de moitos outros empresarios, Ramiro Carregal non optou pola deslocalización do seu negocio e na actualidade conta con sete factorías, todas radicadas no polígono de Xarás en Ribeira.
Superando a crise
Malia a situación de crise que está a atravesar o país, Frinsa segue medrando e dando emprego a preto de dous mil traballadores. A aposta decidida pola marca branca e o mantemento da calidade están na base do éxito que a Frinsa vén colleitando dende a súa fundación.
Ademais da vertente empresarial, Ramiro Carregal destaca polo seu labor de mecenazgo deportivo, social e cultural non só en Ribeira senón en toda a comarca, patrocinando numerosas entidades e iniciativas que teñen por obxectivo a dinamización de Ribeira e o seu entorno.
Redacción Barbanza







