Solidariedade e deporte danse a man no sexto Torneo Fútbol Contra o Cancro en Boiro

BOIRO> Deporte e solidariedade irán de novo da man coa disputa do sexto Torneo Fútbol contra o Cancro. A cita será o próximo sábado, día 10, a partir das seis da tarde no campo de fútbol de Vista Alegre. Todo o recadado irá destinado a Asociación Local de Loita contra o Cancro.

Esta mañá presentábase no Concello unha nova edición, e xa van seis anos disputándose, do partido solidario que organizan dous locais hostaleiros da localidade, as cafeterías Kirk`s e Barbantia, á que se foron sumando outras entidades colaboradoras. Toda a recadación vai destinada á Asociación Española contra o Cancro de Boiro para a loita contra esta enfermidade. Será o vindeiro sábado día 10 ás seis da tarde no campo de fútbol de Vista Alegre. Neste caso o encontro será dobre, por unha banda un amigable de categoría benxamín, que enfrontará a EFM de Boiro e o Sporting Lampón e por outro, de categoría senior feminina, entre o Boiro e o Bamio.

Pola súa banda o alcalde mostrou o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que colaboran cada ano con esta actividade, e mostrouse moi satisfeito coa solidariedade de todos os veciños de Boiro.

Ademais das entradas a un custe de dous euros, as rifas para os sorteos de agasallos donados por as casas comerciais, e a cantina, a organización tamén repartiu petos por diversos locais hostaleiros para a recollida de donativos para a causa. O obxectivo, poder superar os catro mil euros recadados na edición anterior.