Expertos lingüistas debaten en Ribeira a situación do galego no eido educativo

    RIBEIRA > Alumnos e profesores do IES Número 1 de Ribeira asistiron a unha mesa redonda sobre o galego actual incluida na programación da II Semana das Letras organizada por este centro educativo. Baixo o título ‘O Galego hoxe: falemos’ varios expertos e lingüistas debateron sobre a situación que atravesa o noso idioma na actualidade e o seu papel no ámbito educativo.

    mesaredondagalego_300_120506.jpgUn bo número de persoas, especialmente alumnos do IES Número 1, déronse cita no auditorio de Ribeira para asistir a esta mesa redonda que contou coa participación de destacados expertos en lingua galega como Henrique Monteagudo, catedrático da Facultade de Filoloxía de Santiago e membro do Consello da Cultura Galega, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Xesús Laíño, profesor e crítico.

    Baixo o título ‘O galego hoxe: falemos’ e moderados polo coordinador da Semana das Letras, Manuel Cartea, os poñentes analizaron o papel do galego na sociedade actual con especial incidencia na ensinanza.

    As conclusións derivadas deste encontro apunta a unha crecente deixadez no ámbito educativo tanto na lingua galega como nas outras materias que se imparten. Neste sentido, o profesor Xesús Laíño apuntou tamén que nos últimos anos produciuse un importante cambio no alumnado cun índice moito máis alto de castelán falantes.

    Así mesmo indicou algúns dos problemas ós que ten que facer fronte o profesorado como son o exceso de contidos a desenvolver no programa que impide realizar unha auténtica reflexión sobre o idioma.

    Outro dos problemas vén derivado dos cambios normativos posto que son asumidos sen ter en conta a opinión do profesorado. Neste sentido, Laíño considera que os docentes de Secundaria teñen moito que dicir en canto ás dificultades que introducen os cambios á hora de transmiti-lo idioma ós alumnos.

    Redacción Barbanza