O Náutico de Vigo domina no Campionato de 420 organizado polo Liceo

vela_250.jpg VILAGARCÍA> Os regatistas vigueses coparon os principais postos da competición autonómica nas categorías masculina e feminina. O mellor resultado dos anfitrións foi o terceiro posto acadado por Adrián Domínguez e Calixto Abalo do Liceo Casino.

Esta fin de semana as augas da Ría de Arousa acolleron a celebración do Campionato Galego de Vela clase 420, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía. Dominio absoluto dos regatistas do Náutico de Vigo, que coparon os principais postos da competición nas categorías masculina e feminina. Tras cubrir as nove mangas programadas, os vigueses Pedro Martínez e Luis Bugallo fixéronse co título de campións galegos do 2012 nesta modalidade tras sumar dez puntos. Detrás quedaron os seus compañeiros de club Carlos Castelao e Jorge Lorenzo, con 21 puntos, mentres que o terceiro posto quedou na casa. Foi para os regatistas do Liceo Casino Adrián Domínguez e Calixto Abalo.

Na categoría feminina resultaron gañadoras con 42 puntos outras dúas compoñentes do Náutico de Vigo, Patricia Suárez e Pilar Amaro. No tocante ós demais regatistas do Liceo Casino que participaron na competición repartíronse os postos sétimo, décimo primeiro e décimo segundo na categoría masculina e un décimo noveno posto na feminina.

Redacción Salnés