Boca Juniors lévase o título do XI Arousa Fútbol 7

VILAGARCÍA > Coa victoria do Boca Juniors pecháronse tres días dedicados ó fútbol alevín en Vilagarcía de Arousa. Os arxentinos conseguiron o título na súa terceira presencia no Arousa Fútbol 7 tras impoñerse ó Sevilla por 3 a 2. Nesta fase final participaron unha vintena de equipos de todo o mundo.

Á terceira foi a vencida. O Boca Juniors logrou onte levarse a Arxentina o título do Campionato Internacional Alevín Arousa Fútbol 7. Nesta undécima edición, os arxentinos pasaron moitos apuros para gañar na final a un perigoso Sevilla no contragolpe. Os rapaces do Boca tiveron que remontar un 0 a 2 para poder facerse co título. O principal protagonista foi Diego Fabián Gómez, que marcou no último minuto o gol da victoria. O pichichi do torneo foi o autor de dous dos tres tantos do seu equipo, o outro goleador foi Luís Ezequiel.

A gran sorpresa desta edición foi o Sevilla que conseguiu chegar á final tras un excelente campionato. E a piques estivo de rematar campión. O cansancio de tantos partidos acumulados puido cos rapaces andaluces e notouse sobre todo na segunda metade do encontro.

A medio camiño quedaron o Espanyol e Valencia, que disputaron o terceiro e cuarto posto. A victoria foi para os cataláns. No apartado de galardóns individuais, o defensa do Ajax Amine El Hadef foi elixido mellor xogador do torneo. O mellor porteiro foi o meta do Inter de Milán Anacoura Joize Francesco. O máximo goleador foi Diego Gómez do Boca Juniors con 8 goles. Finalmente, o Ajax recibiu o premio ó equipo máis deportivo.

Redacción Salnés