Doce feridos en dous accidentes na Vía Rápida de Sanxenxo-O Grove

    accidente_multiplecopy.jpgSANXENXO> Os sinistros, múltiples, tiveron lugar practicamente á mesma hora, ás dúas do mediodía, e a poucos metros de distancia entre eles.

    {flowplayer}images/salnes/ACCIDENTE_GROVE_.flv{/flowplayer}

    A Vía Rápida que une Sanxenxo co Grove volve ser hoxe protagonista tras rexistrarse á altura do quilómetro 21, ó carón da saída de Adina, dous accidentes múltiples. Ambos aconteceron practicamente á mesma hora e a poucos metros de distancia.

    O primeiro tiña lugar ó redor das dúas do mediodía e víanse implicados dous turismos e unha furgoneta. Segundo fontes presenciais un deles saíuse da vía o que provocou que chocase cos outros dous. Un destes, un citroën Xsara Picasso, levouse a peor parte xa que a súa condutora tivo que ser excarcerada polos Bombeiros do Salnés tras quedar atrapada entre o asento e o salpicadero do coche. Amais desta muller, o sinistro saldábase con outros seis feridos leves.

    Ata o lugar desprazáronse, ademais dos Bombeiros, Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil do Grove e o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo.

    O segundo accidente tiña lugar poucos minutos despois e a pouca distancia, aínda que nesta ocasión o sinistro foi de menor consideración. Nel víanse implicados seis vehículos que circulaban en dirección Pontevedra e resultaron feridos cinco persoas de carácter leve. Segundo sinalaron desde os Bombeiros, foi unha colisión por alcance a pouca velocidade.

    En total, entre os dous accidentes, o balance foi de nove vehículos implicados e doce feridos que segundo informaron desde o 061 foron trasladados ó Sanatorio Domínguez.

    Redacción Salnés