Comeza o xuízo polo caso Prestige unha década despois

    O SALNÉS> Era o 19 de novembro do 2002 cando o buque Prestige se fendía en dous a 250 quilómetros da Costa da Morte,…

    {flowplayer}images/salnes/comeza_xuizo_prestige_161012.flv{/flowplayer}

    … logo de levar seis días navegando con distintos rumbos polas costas galegas. Deste sinistro derivou unha marea negra na que uns 64.000 litros de fuel asolagaron mil seiscentos quilómetros de costa de Galicia e do Cantábrico. Neste martes 16 de Outubro do 2012 comeza no recinto feiral de Expocoruña, a onde están chamados a declarar 135 testemuñas e 98 peritos; nunha serie de vistas que se prolongarán durante sete meses.

    A esta primeira sesión acudiron tres dos catro imputados na causa: o capitán do barco Apostolo Mangouras; o seu xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o daquela Director Xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors. Non compareceu o primeiro oficial do buque, Ireneo Maloto, quen actualmente se atopa en paradoiro descoñecido e foi declarado en rebeldía. Na primeira sesión do xuízo o Capitán do Prestige; Apostolos Mangouras, responsabilizou ás autoridades marítimas españolas da desfeita ecolóxica; ó tempo que a súa defensa puxo en tea de xuízo que España fose quen de garantir un xuízo xusto.

    Este Capitán argumenta que o Prestige contaba con tódalas certificacións oficiais necesarias no momento da avaría e posterior afundimento e que a estructura do mesmo se atopaba, aparentemente, en bo estado. A Fiscalía pide para el 12 anos de cadea por entender que é o principal responsable do sinistro, namentres a súa defensa reclama a suspensión do xuízo e o sobreseimento da causa. Para a cidadanía das Rías Baixas, o Capitán é o máximo responsable da catástrofe. Para o resto dos acusados solicítanse penas de catro a nove anos, sendo cinco anos a pena máxima que se lle pode aplicar a López-Sors; o único político que se senta como acusado, malia o intento de varias partes de ampliar responsabilidades.

    A afectación das Rías Galegas non foi todo o nefasta que se agardaba. Para iso foi vital o traballo da xente do mar e dos voluntarios que foron quen de evitar que se depositara nas Rías gran parte do cargamento do petroleiro.

    Este macroxuizo prolongarase ata setembro do ano que ven, o que se agarda que sexa tempo dabondo para solucionar os recursos presentados polas 2.090 partes persoadas, entre as que figura o Grove. O Concello Meco decidiu daquela persoarse como acusación particular para reclamar que lle resarciran os danos causados, unha cuantía que xa lle foi achegada integramente fai anos polo Ministerio de Administracións Públicas. A inquedanza que subsiste a día de hoxe reside na desconfianza da cidadanía de que Galicia, unha década máis tarde, tomara medidas de abondo para enfrontarse a un novo Prestige.

    Redacción Salnés