A corporación ratifica o convenio para o traslado do matadoiro

    matadoirocambados_100_280606.jpgCAMBADOS > Este venres podería pechar o matadoiro de Cambados. Os carniceiros tiñan de prazo ata o 30 deste mes para facer unhas reformas no edificio e adaptalo á normativa europea. O asunto foi tratado no pleno deste martes, onde a corporación ratificou o convenio entre concello e carniceiros para construír un novo matadoiro no polígono de Sete Pías.

    carniceirosnopleno_200_280606.jpgA corporación municipal de Cambados ratificou o proxecto de traslado do matadoiro, polo que se concede os dereitos de explotación da nova planta á Asociación de Carniceiros. A oposición apoia a posta en marcha deste proxecto pero critica que o concello non aproveitase estes últimos meses para evitar o peche das instalacións por problemas sanitarios. O prazo imposto pola Unión Europea e pola Consellería de Sanidade para o cese da actividade en San Tomé expira este venres. O alcalde lembrou que concello e carniceiros tiñan compromiso de Sanidade de estirar ata final de ano esta prórroga se presentaban este proxecto pero agora a administración desdise dese acordo.

    oposicioncambados_200_280606.jpgOnde non houbo acordo foi na aprobación do prego de condicións administrativas e financeiras para solicitar un novo préstamo por máis de 1,7 millóns de euros. Con cargo a este crédito irán obras como a rehabilitación da Casa dos Fraga ou da fábrica de Conservas Peña, e a pista de atletismo. O punto saíu adiante cos votos en solitario do PP. A oposición considera este crédito desproporcionado e pensan que endebedará as arcas municipais durante os vindeiros 12 anos. Insisten na necesidade dun Plan Económico Municipal e cren que este préstamo só responde a intereses electorais. O alcalde xustificou a medida ante a falla de subvencións da Xunta e insisteu en que a capacidade de endebedamento do concello, do 49 por cento, está moi por debaixo doutros concellos da comarca.

    Redacción Salnés