As capturas de volandeira no interior da Ría acadan récords históricos

    boudevaravolandeira.jpgRIANXO> Vai alá un mes dende a apertura da campaña do bou de vara e neste tempo lévanse capturado máis de 73 mil quilos de volandeira.

    {flowplayer}barbanza/boudevaravolandeira.flv{/flowplayer}

    Segundo sinalou o patrón maior rianxeiro, Baltasar Rodríguez Alcalde, non se recorda un ano tan bo coma este en canto á captura de volandeira, unha especie semellante á zamburiña. No que vai de campaña, dende o pasado 5 de novembro lévanse recollidos máis de 73 mil quilos desta especie.

    Numerosas capturas

    O patrón maior rianxeiro sinala á alta salinidade das augas como causa máis probable para explicar tanta abundancia deste recurso.

    Prezo baixo

    Aínda así, e a pesar da gran cantidade de capturas, os prezos en lonxa non están a acompañar, rondando os seis euros a especie máis grande ata 0’60 a máis pequena, chegándose a facturar no seu total máis de 118 mil euros.

    Campañas promoción produto

    A maioría do recurso destínase á industria conserveira. Por esta razón Baltasar Rodríguez incidiu tamén nas intencións tanto do pósito rianxeiro, como tamén da confraría de Cambados, de levar a cabo campañas de promoción deste marisco. A pasada semana o pósito cambadés realizou un acto en Santiago con hostaleiros co obxectivo de fomentar o seu consumo en fresco e a confraría rianxeira ten previsto presentar a vindeira semana un proxecto denominado Ecomar que vai nesta mesma liña.

    Redacción Barbanza