A ABE pide maiores controis á venda de produtos falsificados

    BOIRO> A patronal boirense sinala que este feito estase a converter nunha práctica xeneralizada que causa enormes prexuízos para os comerciantes que ofrecen os produtos orixinais nas súas tendas.

    {flowplayer}barbanza/abesobrefalsificacions.flv{/flowplayer}

    A través dun comunicado a Asociación Boirense de Empresarios denuncia os escasos controis á venda de produtos falsificados. Dende a patronal boirense aseguran que hoxe en día é unha práctica do máis habitual e pode verse en mercadiños ambulantes, festas ou mesmo polas rúas da vila. Dende a ABE denuncian que esta permisividade está contribuíndo a empeorar, a xa de por si, delicada situación dos comercios locais polo que instan ás autoridades, a que no exercicio das súas responsabilidades, tomen as medidas pertinentes para que esta práctica ilegal desapareza das rúas.

    Rede distribución

    Ademais, segundo transmitiron á propia entidade varios dos comerciantes afectados, nos últimos tempos o centro de distribución destes produtos para toda a zona realizaríase dende Boiro. Un feito este que, de confirmarse, agrava de xeito substancial a xa de por si preocupante situación.

    Redacción Barbanza