Arousa Norte reivindica o cooperativismo a través dunha exposición

    RIANXO> A mostra ‘Descubre as cooperativas’ está promovida pola consellería de Traballo.

    {flowplayer}barbanza/arousanortedescubreasccoperativas.flv{/flowplayer}

    O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, en calidade de presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, e o seu homólogo de Boiro, Xoán Xosé Dieste, foron os encargados de inaugurar esta exposición titulada ‘Descubre as cooperativas’ promovida pola consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. A mostra intégrase na Rede Eusumo, estratexia de cooperación entre diferentes axentes públicos e asociativos orientada ó fomento do cooperativismo e a economía social como estratexia de xeración de emprego, rede que conta co apoio do Fondo Social Europeo. A exposición, que permanecerá aberta ó público ata o vindeiro sábado no hal do auditorio rianxeiro, presenta as potencialidades e solucións que ofrecen as cooperativas como un modelo empresarial que pola súa versatilidade e capacidade de adaptación está demostrando ser capaz de manter e crear empregos na actual situación de crise económica como ben sinalou o mandatario rianxeiro.

    Paneis e pantallas interactivas

    A mostra a través de paneis e pantallas táctiles, fai un percorrido polos elementos claves do modelo cooperativo: que son, que tipos de cooperativas hai, como funcionan, cales son os valores que defenden, que pasos dar ou que apoios existen para impulsar o emprendemento cooperativo. Así os visitantes poderán achegarse ó cooperativismo agrario, ó autoemprego cooperativo, ou mesmo comprobar se teñen 'madeira de cooperativistas', nunha exposición marcada polo seu carácter interactivo e dinámico.

    Exposición itinerante

    Despois de percorrer xa varias localidades galegas, a exposición fai un alto no camiño en terras rianxeiras para posteriormente achegarse a outras cidades e vilas da comunidade co obxectivo de promover e divulgar a fórmula cooperativa como unha opción de futuro para emprendedores e público en xeral.

    Redacción Barbanza