Ana Pontón avoga en Barbanza por un cambio no modelo de xestión do monte

BARBANZA> Despois de visitar a zona cero do incendio, no lugar de Cubelo, na parroquia de Cures, onde mantivo un encontro cos veciños, a voceira nacionalista achegouse tamén ata o Cámping Rural Ría de Arosa 2, en Oleiros, onde unha parte das instalacións tamén resultaron afectadas polas lapas.

Alí tivo palabras de apoio e cariño para aquelas persoas que sufriron de primeira man os efectos do lume, non só no Barbanza senón tamén noutras zonas da comunidade, para quen reclamou axudas.

Tamén recoñeceu a labor que realizan os equipos que traballan na extinción do lume, apostando por un servizo cen por cen público.

Na súa intervención fixo alusión a que estes últimos lumes, dos máis graves na historia recente de Galicia, deben de significar un punto de inflexión. Segundo ela son un claro exemplo do fracaso da política forestal da Xunta, polo que é necesario facer unha aposta máis forte pola prevención.

A líder nacionalista tamén aludiu a outros problemas que lle preocupan ó BNG, como son a toma de medidas para evitar que a cinza chegue ó mar, e buscar unha colaboración coas comunidades de montes para recuperar o monte queimado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí