BARBANZA> Alta participación nas eleccións ás confrarías celebradas esta fin de semana. No Barbanza haberá poucos cambios nas xuntas directivas onde a maior parte dos patróns maiores repetirán no cargo. Máis sorpresas houbo no Salnés con relevos en Cambados e Portonovo.
De éxito poden cualificarse as eleccións ás confrarías no Barbanza pola súa alta participación, maior que nos comicios celebrados hai catro anos. Tralas votacións, que se desenvolveron con normalidade e nunha xornada sen incidencias, semella que a maior parte dos patróns maiores repetirán no seu cargo. Haberá que agardar ata o próximo 25 de novembro cando se formalice a elección pero os resultados da composición nas xuntas directivas apenas deixan lugar a dúbida.
En Ribeira, dos 22 socios que compoñen a xunta xeral, 21 forman parte da candidatura de José Antonio Pérez. En Muros e Rianxo repetirá a mesma xunta directiva con Daniel Formoso e Miguel Ángel Iglesias á cabeza respectivamente. En Porto do Son non foi necesario nin sequera votar posto que o número de vogais da xunta coincidía cos integrantes da única candidatura presentada, liderada polo actual patrón Emilio Queiruga. A cousa está bastante clara tamén en Portosín e na Pobra onde Isaac Gaciño e Enrique Maceiras contan co maior número de apoios na xunta xeral.
En Noia, Santiago Cruz continuará á fronte do pósito aínda que haberá cambios na agrupación de mariscadores a pé coa entrada dun representante da candidatura alternativa, Francisco Perez, como presidente. Pola contra, aínda non hai nada decidido en pósitos como o de Cabo de Cruz, Aguiño ou Palmeira, onde a representación está máis dividida polo que as actuais patróns non saben aínda se poderán revalidar o cargo.
Mentres a continuidade é a tónica dominante en Arousa Norte, na marxe sur da ría haberá numerosos relevos á fronte das confrarías. É o caso de Cambados e Portonovo, onde Ruperto Costa e Juan José Estévez non conseguiron os apoios suficientes para seguir.
Xa se agardaban cambios en Vilanova, posto que a actual patroa maior María José Vales non optaba a reelección. Sen embargo, os membros do seu equipo non conseguiron maioría polo que o pósito afrontará unha nova etapa.
Si repetirán Juan José Rial como patrón maior da Illa, Sauro Martínez en Sanxenxo, Joaquín Santos en Vilaxoán e José Luis Vilanueva ó mando da confraría de Carril.











