![]()
BOIRO> Así o confirmou o presidente da Deputación da Coruña durante unha visita á zona. A actuación está financiada polo organismo provincial con máis de 420 mil euros.
{flowplayer}barbanza/visitadiegocalvoobrasabastecementoboiro.flv{/flowplayer}
Acompañado do alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, supervisaba as obras de substitución e mellora da rede de abastecemento de auga no municipio levadas a cabo nos últimos meses, que se atopan actualmente na última fase de execución. A actuación, cun orzamento total de 527 mil euros, dos cales máis de 420 mil serán aportados polo organismo provincial dentro do Plan de Cooperación cos Concellos do ano 2012, permitirá a renovación da principal arteria de subministración de auga entre os núcleos de Boiro a Cabo de Cruz, con preto de catro quilómetros de percorrido, dando servizo a máis de 3.500 veciños, de zonas como o Castro, Esteiro e Cabo de Cruz.
Mes de maio
Diego Calvo, destacou o interese da Deputación en colaborar en proxectos coma este que permitirán a renovación da rede de abastecemento de auga. Segundo el, a actuación estará rematada no mes de maio, mellorando a calidade de vida de moitos veciños.
Fin ás avarías
Pola súa banda, o rexedor boirense tivo palabras de agradecemento para a institución provincial, entidade que resultou imprescindible para poder acometer esta obra de envergadura que porá fin ás continuas avarías que se viñan producindo nas tubaxes nos últimos anos.
Redacción Barbanza











