As obras da nova unidade de endoscopias no hospital da Barbanza comezarán despois do verán

RIBEIRA> O conselleiro de Sanidade facía estas declaracións durante unha visita realizada esta mañá ó hospital da Barbanza. Alí informou tamén  das obras de ampliación do centro hospitalario.

Acompañado do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, a xerente da Área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, e o director do hospital, Salvador Muñíz, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o centro hospitalario. Alí anunciou a inminente reforma da área de endoscopias, unha actuación que vén de ser adxudicada hai uns días cun investimento de ó redor duns 200 mil euros.

Aproveitou a visita para anunciar tamén a futura ampliación do hospital, o que permitirá un aumento dun 40% das camas, que posibilitará que se reduzan as derivacións de pacientes a Santiago. A actuación incluirá ademais a creación dunha nova unidade de hospitalización materno-infantil e outra para doentes atendidos polo servizo de Medicina Interna, cunha área específica para coidados paliativos.

O proxecto está a espera do informe de viabilidade estrutural para proceder xa a súa licitación. Un trámite que agarda sexa posible xa en outono, para que durante o ano 2022 poidan adxudicarse xa as obras.