![]()
RIBEIRA > Centos de escolares participaron nas actividades programadas polo concello para a celebración do Dia da Árbore.
Aproximadamente trescentos escolares de Ribeira e corenta integrantes da Asociación de Persoas con Diversidade Funcional ‘Ambar’ compartiron unha xornada dedicada á natureza no parque de San Roque. O motivo non era outro que conmemorar o Día da Árbore, que dende hai anos se vén celebrando o día 21 de marzo coincidindo co equinoccio de primavera.
Os nenos tiveron oportunidade de coñecer o parque e as distintas especies autóctonas que o conforman. Os membros da escola – taller ‘Illa de Sagres’ foron os encargados de explicar como son e en que se diferencian as distintas especies a través dunha serie de diapositivas e traballo de campo. Os pequenos tamén desenvolveron diversas actividades no invernadoiro habilitado pola escola-taller no parque periurbano e coñeceron as dependencias do centro de interpretación. Unha das actividades máis atractivas dos cativos foi a prantación de árbores, que realizaron coas súas propias mans.
Ademais de divertirse nesta xornada de xogo, os pequenos tomaron conciencia da importancia de coida-lo medio ambiente e respecta-la natureza, este e tódolos días do ano. Nos vindeiros anos, a Concellería de Educación de Ribeira seguirá promover actividades similares para conmemorar esta data tan especial, que de seguro, ningún cativo vai esquecer.
Homenaxe
Pero non só os máis novos desfrutaron da celebración do Día da Árbore. Con motivo do ano do centenario, o concello decidiu render homenaxe a outros colectivos da poboación coa prantación de tres olivos
O primeira, o do maior, foi prantado por unha representación das directivas dos clubs de xubilados de Aguiño, Palmeira, Ribeira e Corrubedo. A prantación do segundo olivo, o do ensino, correu a cargo do colectivo de mestres mentres que unha representación do colectivo das amas de casa foi a encargada de pranta-la terceira árbore, a da familia.
Con este xesto, o executivo ribeirés pretende recoñecer a labor destes tres colectivos que tanto contribuíron a constiuír a cidade de Ribeira tal e como é hoxe en día. Por este motivo, coincidindo coa chegada á súa fin do ano do centenario, procedeuse á prantación destas tres árbores e á colocación das pracas distintivas de pedra que lembrarán este acto. O obxectivo é que permanezan no recordo de todos aqueles veciños e visitantes que se acheguen ó parque.
Redacción Barbanza








