A Deputación instalará desfibriladores nos pavillóns da provincia

    DEPORTES>A Deputación instalará desfibriladores nos pavillóns da provincia

    Corenta persoas participaron nos dous primeiros cursos de formación no manexo dos desfibriladores no Pazo provincial e no Centro Social de Barrantes

    Os primeiros en recibir esta formación son os homes e mulleres seleccionados de concellos como Barro, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Meis, O Grove ou A Illa de Arousa. Os alumnos son, na súa maior parte, traballadores de centros deportivos onde se van instalar os desfibriladores e que, en principio, serían os primeiros en atender á persoa que sufra un accidente cardiovascular. Durante toda a xornada, os asistentes reciben explicacións e realizan prácticas sobre o manexo dos desfibriladores semiautomáticos e de soporte vital básico. Dado que a reacción rápida e eficaz vai ser fundamental para salvar a vida do afectado, estes cursos teñen especial relevancia porque dan o coñecemento suficiente para que poidan actuar con seguridade e axilidade. De feito, o programa do curso inclúe, ademais do propio manexo do desfibrilador, técnicas de soporte vital básico, entre as que se atopa a reanimación cardiovascular e manobra de resucitación. Os cursos son impartidos por persoal titulado e con ampla experiencia no mundo das emerxencias, como instrutores e técnicos do 061, bombeiros, persoal de Cruz Vermella ou Protección Civil. Os cursos seguirán desenvolvéndose por diferentes lugares da provincia nos vindeiros días. Tamén están a recibir formación o persoal da Deputación, xa que estes aparellos tamén serán instalados nos tres edificios da Administración Provincial que teñen unha maior afluencia de visitantes: o Pazo Provincial, o Museo e o Centro Príncipe Felipe.