O Boiro lévase a victoria e o liderato no último minuto (3-2)

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/14/derbi600_141013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/14/DerbiBoiroArosa_141013.mp4{/flowplayer} BOIRO> Triunfo no derbi para o Boiro tras superar por 3- 2 ó Arosa, grazas a un tanto de Rendo na derradeira xogada do partido. Os locais foron superiores e arrebatan deste xeito o liderato ós vilagarciáns. Boiro e Arosa cruzábanse en Barraña 23 anos despois do seu último duelo ligueiro. Atopábanse segundo contra primeiro, co liderato en xogo. Tamén se cruzaban dúas xeiras de imbatibilidade: sete meses sen perder os vilagarciáns e dez os de Gelucho. Case 1.500 persoas déronse cita no municipal boirense para presenciar o choque. Finalmente o triunfo foi para o Boiro que arrancou mellor o partido, dispoñendo das primeiras ocasións e adiantándose no marcador ó cuarto de hora grazas a un tanto de Iván González O Arosa tardou en desperazarse. Esta de Nando foi unha das primeiras ocasións das que dispuxo. O Boiro puido aumentar a diferencia en dúas accións: unha de Anxo, que case acada gol olímpico; e outra de Hugo Soto, que non acertou a superar a Jorge Pérez despois dun grave erro do gardamallas. O empate non chegaría ata o minuto 43. Erro do colexiado ó sinalar mans nesta acción dentro da área do Boiro. Sería Adrián Camiño o que transformaría a pena máxima reestablecendo a igualada ó descanso. No segundo tempo, o choque continuou sendo moi intenso e o Boiro mantivo a iniciativa. Puido poñerse por diante nesta acción de Rubén Márquez, que mandou o coiro ó travesaño despois de inventarse un remate co calcaño. Sen embargo sería o Arosa quen se poría por diante grazas a un tanto de Eloi, nun erro de Roberto Pazos que non acerta a tapar o primeiro pau. Ós de Piscis quedábanlle 20 minutos para defender este resultado. Sen embargo, so aguntaron tres, o tempo que tardou Cardeñosa en devolver o empate ó electrónico. A acción foi protestada polos xogadores do Arosa que reclamaron un empurrón nese lance. O Boiro seguíuno intentando e o Arosa buscou algunha contra nese treito final que lle dera os tres puntos. Sen embargo o destino tiña gardado un final de éxtase para os locais e tráxico para os visitantes. Rendo, tamén nunha xogada a balón parado, facía o 3-2 no minuto 93 e deixaba os tres puntos na casa, e con el o liderato. Partidazo en toda regra entre dous equipos que estiveron á altura do agardado.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí