MEAÑO > Casal de Flores, Rozas e Uvas de Ouro foron elixidos os mellores albariños na Festa do Viño de Autor de Meaño.
Meaño vendeu unhas catro mil duascentas botellas de albariño de autor durante a pasada fin de semana. Con este dato na man, a Asociación de Adegas Artesás Rías Baixas considera un éxito a última edición da Festa do Viño de Autor, que durou catro días. O domingo foi, sen dúbida, cando máis visitantes houbo e mesmo tiveron que colgar o cartel de esgotado en moitos pratos gastronómicos.
Ademais do viño, triunfaron os suspiros de monxa e os ovos con chourizo. Entre o sábado e o domingo vendéronse mil raciones. Pero ademais, os asistentes degustaron máis de dúas mil filloas, duascentas racións de percebe, 150 de xabaril e 350 quilos de mexillón de Galicia. Despois deste éxito, Adegas Artesás Rías Baixas espera manter as cifras na vindeira edición.
O domingo foi tamén o día no que o xurado elixiu os tres mellores albariños de autor deste ano. Tras catar trece caldos, outorgóuselle o primeiro premio á adega Casal de Flores, quen precisamente o ano pasado se fixera coa prata. Nesta ocasión o segundo premio foi para o albariño de Rozas, e o terceiro para Uvas de Ouro.
Redacción Salnés