Visto para sentencia o caso do presunto narco do Vao “El Viejo”

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/acusados.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/XUIZO_DROGAS_VAO_151013.mp4{/flowplayer} PONTEVEDRA>A Fiscalía pide tres anos de cadea para un mozo de Ribadumia, residente en Vilanova, e outros cinco para un veciño de Pontevedra de sesenta anos por tráfico de drogas fai agora un ano. Esta mañá celebrouse a vista na Audiencia de Pontevedra onde o caso quedou visto para sentencia. Na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ven de celebrarse un novo xuízo contra o tráfico de drogas, no que desta volta, estaban implicados un arousán e un lonxevo veciño de Pontevedra. Segundo os informes policiais e da Fiscalía, durante varios meses do ano pasado, Lucas M.G., un mozo de Ribadumia residente en Vilanova, mantería constantes e breves reunións preto duns viñedos de Barrantes co outro acusado José G. C. de sesenta anos. Nestes encontros, segundo a denuncia, o arousán subministraría droga ó coñecido como “El Viejo”, que logo este vendería no poboado do Vao, en Poio. Lucas confesouse culpable, aceptou os cargos que se lle imputaban, colaborou ca xustiza nos rexistros da vivenda dos seus pais en Barrantes, no que se lle encontraran numerosos aparellos destinados á venda polo miúdo de estupefacientes. Amais comprobouse como era consumidor habitual de cocaína; unha serie de atenuantes que fixeron que a fiscalía rebaixase as súas previsións iniciais ós tres anos de prisión, 16.620 euros de multa e á incautación do Volkswagen Golf azul co que presuntamente traficaba. Unha actitude ben distinta foi a que presentou o outro dos acusados: José G.C. de sesenta anos. Negouno todo asegurando que o que mercaba era para consumo propio posto que levaba uns trinta anos sendo adicto e xa fracasara dúas veces no seu intento de saír da droga. Os axentes aseguraron que a súa chegada era agardada no Vao por toxicómanos no entorno da Capela. Permanecía alí durante horas e téñeno interceptado con grandes cantidades de cartos en billetes de 10 e 20 euros, o custe habitual das pequenas cantidades de droga que supostamente vendía. Actuaba con moita precaución, vixiando sempre o entorno, cambiando frecuentemente de domicilio e de vehículo e outros comportamentos estranos que alertaron ás forzas da orde. O seu avogado xustificou as viaxes de “El Viejo” a Ribadumia e ó Vao para mercar droga para el, subraiando que non había máis que indicios do seu presunto tráfico de drogas, malia a declaración de Lucas que o implicaba. Incluso chegou a aseverar que a implicación do seu cliente se debía a súa negativa a actuar como confidente, tal e como lle propuxera a Garda Civil. O Fiscal mantén a petición de cinco anos para Juan G.C. amais de 30.000 euros de multa.