Cae unha rede de traficantes de cocaína con conexión en Pontevedra

PONTEVEDRA> A Garda Civil vén de deter en Pontevedra a seis persoas como presuntas integrantes dunha importante organización de narcotraficantes que trataba de introducir case unha tonelada de cocaína en España. A operación Vitriolo, como se denominou este operativo, saldouse en total con 18 arrestados nas últimas horas, os seis de Pontevedra, máis dez individuos en Barcelona e dous en Portugal. As investigacións iniciáronse en marzo do ano pasado, cando a garda civil recibiu informacións sobre un grupo asentado en Barcelona que surtía cocaína a narcos galegos. En xaneiro deste ano tiña lugar a primeira detención na Cañiza, unha persoa que transportaba dez quilos da droga nun vehículo de alta gama. Tras este arresto os investigadores seguiron tirando do fío e centráronse nos presuntos cabecillas da rede, residentes en Barcelona. Foi así como averiguaron que se servían dos portos de Vigo, Barcelona e Valencia para introducir, agochados en contedores, cocaína procedente de Suramérica. Nunha das últimas manobras da rede, a garda civil interceptou 403 quilos de cocaína no porto barcelonés procedentes de Nigaragua e 318 chegados desde a República Dominicana. En total practicáronse 6 rexistros na provincia de Pontevedra, 12 en Barcelona, 2 en Portugal e un en Valencia nos que se interviron 956 quilos de cocaína, unha prensa para o empaquetado, 20 coches de alta gama, un camión, 200.000 euros en efectivos, 50 móbiles e documentación relacionada cos feitos investigados.