O programa Poio Confía asesorou xa a preto de 100 comercios do municipio

POIO> O programa Poio Confía atendeu xa a preto dun centenar de empresas. A iniciativa, posta en marcha a finais do mes de xuño, pretende dar asesoramento aos negocios do municipio tras a crise da Covid. A día de hoxe, arredor de 70 establecementos contan xa co selo propio deste programa. Un recoñecemento que os distingue como espazos saudables.

Apoiar ao tecido empresarial local, axudar e informar aos establecementos do municipio e crear espazos saudables. Eses foron algúns dos obxectivos cos que naceu este programa. Poio Confía púxose en marcha a finais do mes de xuño. Neste período, a iniciativa conseguiu asesor xa a preto de 100 empresas do municipio.

Ademais de asesorar as empresas e informar dos protocolos sanitarios que ían marcando as diferentes administracións, o Concello decidiu crear tamén este selo.  O obxectivo do mesmo é crear espazos saudables. Polo de agora, 70 establecementos do municipio xa contan con este distintivo.

A campaña foi ben recibida entre os comerciantes do municipio dende o primeiro momento xa para moitos esta ferramenta serviu para crear estratexias empresariais comúns.

Tras o éxito destes primeiros meses, o programa Poio Confía continuará impulsando iniciativas entre os comerciantes do municipio. De feito, estase xa a traballar no desenvolvemento dun selo para redes sociais e espazos web dos negocios. Ademais, o Concello impulsará tamén un Mapa Confía, onde a veciñanza poderá coñecer máis en profundidade os diferentes establecementos. Todos os negocios que queiran formar parte deste programa poden facelo a través do teléfono 625 12 04 75 ou no correo electrónico poioconfia@gmail.com