Os maiores de 70 anos xa reciben a terceira dose nos ‘vacinódromos’ de toda Galicia

PONTEVEDRA> Os vacinódromos galegos xa volven estar operativos. Esta mañá, os dezaséis centros de vacinación masiva comezaron a recibir as primeiras persoas de entre 70 e 79 anos para poñer a terceira dose da vacina contra a covid19. Tamén pasarán por estes postos as persoas que foran inmunizadas con Janssen e as que aínda non recibiron ningunha dose. Na ára sanitaria de Pontevedra e O Salnés funcionan dous centros: a sala de exposicións do edificio da Xunta en Pontevedra e a antiga comandancia da Mariña, en Vilagarcía.

Ás 9 desta mañá comezaba o goteo de persoas que chegaban ao edificio da Xunta en Pontevedra a recibir a terceira dose da vacina contra a covid19.

Ata o ‘vacinódromo’ pontevedrés achegouse o conselleiro de Sanidade. Julio García explicou que Galicia conta cun 93,4% da poboación diana, os maiores de 12 anos, coa pauta completa. Na área de Pontevedra e O Salnés este dato é do 94,57%.

En canto ao repunte de casos que se está a dar en todo o territorio, García Comesaña recoñeceu que preocupa o eido educativo. Por iso asegurou que a Xunta ten todo previsto para vacinar aos escolares tan pronto a Axencia Europea do Medicamento dea luz verde.

Sobre a vacinación da poboación de entre 60 e 69 anos e do persoal sanitario, que foi anunciada polo presidente do Goberno do Estado, o conselleiro reclamou que se clarifiquen os criterios de inmunización.

En canto á campaña activa na actualidade, as persoas que non se vacinaran poden facelo dende xa nestes puntos de vacinación masiva. Non é necesario que pidan cita. Ademais, as autoridades sanitarias calculan administrar a terceira dose a uns 291.400 galegos de entre 70 e 79 anos. A eles hai que sumar aos 124.000 que recibiron a monodose de Janssen.