PONTEVEDRA> O BNG visitou hoxe a Xunqueira de Alba, en Pontevedra, para amosar as diferenzas, din, entre a súa política ambiental e a do Partido Popular. O candidato Luís Bará puxo como exemplo da aposta nacionalista a recuperación dos terreos do parque de maquinaria e da imprenta dende o goberno da Deputación de Pontevedra. Pola contra, sinalou os equipamentos da Xunta e do Goberno do Estado que continúan neste espazo. Bará comprometeuse a impulsar a recuperación de toda a Xunqueira para convertela no pulmón verde da cidade.
Liberar a Xunqueira de Alba será un dos obxectivos do BNG de chegar Ana Pontón á presidencia da Xunta de Galicia tralas eleccións do 18 de febreiro. O candidato Luís Bará asegurou que retirar os equipamentos de titularidade autonómica deste espazo será unha das prioridades.
O candidato comprometeuse a traballar de xeito paralelo co Goberno do Estado para conseguir a marcha tamén dos seus equipamentos deste espazo. Tamén a posta en marcha dun plan de recuperación dos terreos degradados para poñer en valor o humidal.
Bará puxo como exemplo da política ambiental do BNG a retirada do parque de maquinaria e da imprenta. Actuación impulsada polo anterior goberno da Deputación de Pontevedra de PSOE e Bloque.
Dende o concello apuntaron que a apertura destes terreos está practicamente solucionada, agardando a que Costas dea a autorización do uso do espazo marítimo terrestre para a cidadanía.