SANTIAGO> A consellería do Medio Rural reserva 96 millóns de euros do orzamento co que contará o vindeiro ano para infraestruturas forestais e políticas de prevención de lumes. É un 12% máis que neste 2013. En total o departamento de Rosa Quinta xestionará 538 millóns, cos que se tratará de potenciar sobre todo a actividade no rural e a comercialización dos produtos no exterior.
A consellería do Medio Rural e do Mar contará no 2014 con 538 millóns de euros de presuposto. Son un sete por cento menos que neste ano, é dicir, 44 millóns menos, unha baixada que atribúen sobre todo ó remate de programas europeos dos que percibían subvencións, ó fin de aplicación de fondos da Política Agraria Común e a axustes nos cadros de persoal. Malia todo, desde o goberno galego asegura que estes recortes non impedirán potenciar o sector primario, dinamizar a economía do rural e impulsar a comercialización no exterior. Obxectivos todos eles que se marcan neste orzamento. Á hora de priorizar de recursos, a conselleira Rosa Quintana apuntou no Parlamento que 96 millóns dese orzamento irán destinados a accións de prevención de incendios e infraestruturas forestais. Un doce por cento máis que neste 2013. Medio Rural apostará pola produción do monte, apoiando os traballos silvícolas, os sistemas silvopastorís e a apicultura, pero en especial, pretenden impulsar a comercialización dos seus produtos. No eido marítimo Quintana explicou que se aumentará nun 128% a partida destinada á creación de infraestruturas pesqueiras, e nun 66% os fondos para a avaliación científica dos recursos. Nesta aposta pola internacionalización, Medio Rural crea unha partida de 3,5 millóns de euros para impulsar a exportación dos viños galegos, e sobe nun 62% os fondos destinados ó desenvolvemento de novos mercados e campañas de valoración dos produtos do mar, quedando esta partida en 1,9 millóns. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/conselleiramedioruralorz.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/ORZAMENTOS_MEDIO_RURAL_281013.mp4{/flowplayer}