Galicia estará de loito oficial durante todo o mes de maio

GALICIA> Maio será un mes de loito para Galicia. A Xunta de Galicia decretou loito oficial dende o 1 ata o 31 do vindeiro mes. Con este xesto, o goberno autonómico non quere esquecer as vítimas que deixou o coronavirus, a pesares de que o presidente Alberto Núñez Feijóo é optimista en canto ao avance da pandemia: cre que as catro provincias galegas cumprirán os requisitos sanitarios para superar as fases da desescalada.

A Xunta de Galicia dá por superara a fase crítica da pandemia do COVID-19, pero o goberno autonómico non quere esquecer as vítimas que deixa o virus. Por iso, o mes de maio será de loito oficial.

Esta decisión non evita que o executivo sexa optimista en canto á situación da pandemia en Galicia. De feito, Alberto Núñez Feijóo está convencido de que as catro provincias galegas superarán as distintas fases da desescalada.

Unha vez máis, o presidente da Xunta criticou o plan presentado polo goberno central. Como xa fixera en días anteriores, Núñez Feijóo volveu reclamar concreción.

No consello da Xunta celebrado hoxe, a consellería de Cultura presentou un informe co plan de choque para reactivar o sector cultural e turístico, cun orzamento de 27 millóns de euros. Unha data que segue a ser chave para a reactivación é o Xacobeo 2021.

Polo demais, o presidente da Xunta e líder do PP galego non desvelou os seus plans para a convocatoria das eleccións autonómicas que foi suspendida polo impacto do coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí