GALICIA> Para o titular da Xunta a nova garantirá maior investimento, carga de traballo e esperanza para o sector naval, especialmente nas rías de Vigo e Ferrol, atribuíndolle este mérito á capacidade dos propios traballadores do naval galego. O anuncio desta boa nova coñecíase semanas despois de que a propia petroleira confirmase a súa entrada en Barreras e o compromiso de cinco pedidos por un valor de 300 millóns de euros nese estaleiro vigués. O presidente da Xunta facía estas valoracións durante a clausura do seminario sobre o novo tax lease, organizado por PYMAR en Madrid. Na súa intervención tivo palabras de agradecemento para a petroleira mexicana e para o presidente do país, Peña Nieto, ‘por manter os seus compromisos e a confianza en Galicia’, para o executivo español e tamén para o galego, que sen ter as competencias neste sector, traballou e traballa con intensidade por conseguir carga de traballo para un estaleiro público en Ferrol que estaba baleiro e para un estaleiro en Vigo que estaba ó borde da quebra. Nesta liña, lembrou que o Executivo autonómico vén sufrindo os problemas do naval involucrándose na busca de solucións, co mesmo compromiso que hoxe celebra que, despois de tanto tempo de incerteza, 2014 se inicie con máis estabilidade, con máis confianza e con máis oportunidades. En canto ó novo sistema de tax lease, Núñez Feijóo congratulouse de que ademais da capacidade tecnolóxica acreditada pola historia e pola seriedade e a profesionalidade demostradas durante décadas, o naval conte por fin coas ferramentas financeiras e as garantías necesarias para conseguir novos contratos, animando a tódolos estaleiros e inversores a transitalo, especialmente ó sector naval galego para que continúe pola senda da xestión flexible que permitiu a estaleiros como Freire ou Nodosa asinar contratos e ter carga de traballo.
Inicio Galicia