Sabor agridoce no reinicio da campaña marisqueira

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/reiniciocampanamarisqueiranoia281013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/reiniciocampanamarisqueiranoia281013.mp4{/flowplayer} NOIA> Uns 1.500 mariscadores noieses, das agrupacións de a pé e de a flote, retomaron hoxe a súa actividade despois de varias semanas de parón por mor da toxina. Volta a actividade para os mariscadores noieses despois de dúas semanas de parón a consecuencia da presenza de toxina na Ría. Fixérono nas mesmas concesións que antes do peche, concretamente nas zonas da Misela, Cuncheiro, nas Lagoas, na Seca de Broña e no Freixo e o balance desta primeira xornada non foi de todo positivo. Segundo explicou o propio patrón maior noiés, Santiago Cruz, o reinicio da campaña foi mellor para os produtores de a flote, que puideron acadar facilmente os topes, uns corenta quilos de marisco. Pola contra os mariscadores de a pé volveron de baleiro á lonxa de Testal, ó comprobar que case todo o produto estaba morto a consecuencia da baixa salinidade das augas. En total, entre as dúas lonxas, Testal e o Freixo, subhastáronse ó redor de 46 toneladas de marisco cun prezo total de facturación de máis de 111 mil euros. Os prezos do berberecho oscilaron entre os 12 euros que alcanzou o de primeira categoría e os 3 euros o de cuarta. En canto á ameixa, a fina de primeira chegou ata os 59 euros, a babosa de primeira os 12 e a xapónica a catro euros. Existía tamén unha certa preocupación no sector debido á posibilidade de que as chuvias caídas estes días provocaran o arrastre das cinsas ás praias, coa conseguinte morte do marisco, algo que na ría noiesa non se está a apreciar. O reinicio da campaña marisqueira en Noia coincidiu tamén coa apertura da de Ribeira. Neste primeiro día saíron a traballar ó redor duns 160 mariscadores que apenas tiveron dificultades para acadar os topes establecidos.