Minuto de silencio na Subdelegación para condenar o asasinato machista de Fadoua Akkar

PONTEVEDRA> En Pontevedra, este mediodía gardouse un minuto de silencio ás portas da Subdelegación do Goberno en sinal de condena polo asasinato machista desta fin de semana en Moaña. A vítima, Fadoua Akkar, de 41 anos, vivía na parroquia pontevedresa de Salcedo co seu fillo menor de idade. A súa parella sentimental e presunto asasino, un moañés con antecedentes por violencia de xénero, está en prisión provisional comunicada e sen fianza.

Nas escalinatas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, recordouse este mediodía a Fadoua Akkar, a muller de 41 anos asasinada a pasada fin de semana pola súa parella sentimental en Moaña. Ela vivía na parroquia pontevedresa de Salcedo co seu fillo.

Había dous anos que Fadoua Akkar chegara a España procedente de Marrocos. Sobre a súa nacionalidade fixo hoxe unha reflexión o subdelegado do Goberno, alertando da dobre victimización da muller inmigrante.

O crime produciuse na madrugada do sábado en Domaio, no concello de Moaña. O presunto asasino, un veciño do municipio de 47 anos, conducía o vehículo no que tamén ía a vítima. Segundo o relato de testemuñas, o home acelerou o coche dirixíndose cara o mar, a onde finalmente caeu.

Con Fadoua son xa 37 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai deste 2024 en España, tres delas en Galicia. Na provincia de Pontevedra cumpríanse 15 meses sen que se rexistrara ningún crime machista.