Gonzalo Durán: ‘No mercado mexicano éntrase desde México, non desde Galicia’

    CAMBADOS> A delegación mexicana de Aguascalientes que nas últimas horas estivo visitando o Salnés, pechou os seus contactos institucionais cunha reunión na que estiveron presentes representantes da Federación Comarcal de Empresarios da Arousa, FECA, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e do sector turístico. Na entrevista os mexicanos insistiron en que este é un momento óptimo para investir no seu estado e que o intercambio será proveitoso para ámbalas dúas partes, ó poder servirse de plataforma para acceder a outros mercados.

    A visita da delegación de Aguascalientes ó Salnés é só o primeiro paso dunha relación que se prevé longa e proveitosa. Cando menos esta é a sensación coa que autoridades mexicanas e arousanas saíron dos diferentes encontros que mantiveron ó longo do día de onte. O próximo ano formalizarán o irmanamento entre Aguascalientes e Vilanova, pero estes primeiros contactos deixaron xa varias claves de por onde deben ir as relacións. Tanto no plano empresarial, como no cultural e turístico.

    Como aval da seguridade que representa o mercado mexicano, o alcalde de Aguascalientes insistiu en que o seu estado leva máis de 20 anos sen unha folga laboral, rexistra entre un 4 e un 5% de paro tendo unha poboación superior ó millón de habitantes. E sobre todo, esta´no momento para empezar a abrir mercados. E aquí é onde se deben buscar sinerxias, porque do irmanamento poden verse beneficiados Galicia e Aguascalientes. Os primeiros atopando unha porta de entrada ó mercado mexicano, especialmente no que a exportación de conservas e viños se refire, e os segundos obtendo unha plataforma para entrar no mercado europeo.

    Tanto desde a Mancomunidade do Salnés como desde a delegación mexicana coinciden que se acaba de poñer a primeira pedra para unha relación estreita no futuro. Polo de agora, xa falan dunha nova visita institucional, neste caso das autoridades arousanas a México, para comprobar in situ o seu tecido económico e empresarial.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/aguascalinetes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/MEXICANOS_CAMBADOS.mp4{/flowplayer}