A cidadanía indígnase ante a sentencia do Prestige

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/14/prestige2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/14/ENQUISA_RUA_SENTENCIA_PRESTIGE.mp4{/flowplayer} PONTEVEDRA> A cidadanía das Rías Baixas está indignada ca sentencia do caso Prestige. O total dos enquisados non entenden como non pode haber culpables despois de tal catástrofe medioambiental. Amais, denuncian que non é normal que logo de ter feito tanto dano, un xuízo tarde once anos en producirse. A sentencia feita pública na que se absolvía ós tres inculpados pola catástrofe do Prestige caeu coma unha xerra de auga fría na poboación das Rías Baixas. O feito de que a maior catástrofe medioambiental do Estado non tivese ningún responsable penal non foi entendido na rúa. Tras once anos agardando por esta resolución xudicial, e logo dun macroxuizo que acaparou a atención mediática mundial, foron moitos os que se viron sorprendidos polo fallo que anunciaba onte o maxistrado Luís Pía, aínda que outros manifestaban xa estar acostumados a desconfiar do sistema xudicial español. A nivel político, xa foron varias as organizacións que amosaron a súa disconformidade con este fallo: PSOE, BNG, Esquerda Unida, colectivos ecoloxistas e a plataforma Nunca Mais xa a cualificaron de inxusta e lamentable. Estes últimos van máis aló asegurando que se trata dun dictame político dictado ad hoc en base ós intereses do PP, polo que xa estudia recorrela. Pola súa banda, o Presidente da Xunta asegurou compartir a decepción con que ninguén pague polo caso Prestige. Núñez Feijóo anunciou que agardará ata o vindeiro luns para pronunciarse sobre se o Goberno Galego acode ou non á vía civil para recuperar os cartos gastados.