Arousa pecha outubro con case 1.400 parados máis que hai un mes

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/05/parooutubro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/05/PARO_OUTUBRO_2013.mp4{/flowplayer} SALNÉS/BARBANZA> O remate da tempada estival segue a deixarse notar na zona e de novo o sector servizos é o gran responsable de que o desemprego aumentara na Arousa en outubro. Un mal dato que segue na senda do autonómico, no que tamén sobe o paro con respecto a setembro, e que contrasta co comportamento a nivel nacional. E é que no caso de España, este mes de outubro foi no que menos medrou a cifra de parados dos últimos seis anos. O sector servizos que tantas alegrías dá no verán ós arousáns deixa agora na entrada do inverno unha ringleira de nomes nas listas do paro. En concreto máis de mil se sumamos os datos de ámbalas dúas marxes da ría: unhas 700 persoas no Salnés e 310 na comarca do Barbanza. Se reparamos nos datos totais, outubro pechou en Arousa con case 1.400 desempregados máis, 1.027 na comarca do Salnés e 351 na do Barbanza. Pero se o sector servizos contribuír a inflar as ringleiras de anotados nos servizos de emprego público, a mesma liña seguiron a industria, agricultura e pesca. Todos, na Arousa, presentan datos en negativo. Por concellos, no Salnés lideran o aumento de parados o Grove, no que fin da festa do marisco tivo moita incidencia, seguido de Sanxenxo, e Meaño, todos eles con subas superiores á media comarcal, situada an casa o 9%. Na zona do Barbanza salienta o municipio de Boiro, que rexistrou 130 parados en outubro. A suba do paro na Arousa segue a mesma tendencia que a nivel galego, onde a cifra de parados se sitúa en 268.225. Outubro engadiu 7.492, un 2,87% con respecto ó pasado setembro. Desde a Xunta poñen de novo a vista nos valores interanuais, salientando que é a menor subida do desemprego nun mes de outubro nos últimos seis anos. Parello a este aumento do paro queda o dato das familias galegas nas que xa non entra ningún ingreso por ter a tódolos seus membros sen ocupación. Son xa 31.400 fogares.