Deputación e Xunta aforrarán un millón de euros co Consorcio de Bombeiros en 2014

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/07/bombeiros600_071113.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/07/bombeiros_071113.mp4{/flowplayer} PONTEVEDRA> O presidente da Deputación, Rafael Louzán e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participaron no pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra. Nesta reunión aprobouse o primeiro orzamento para unha anualidade completa tras a entrada en vigor da nova xestión do consorcio, en mans da empresa Matinsa. Louzán e Rueda destacaron o aforro que supuxo esta nova xestión. O orzamento do Consorcio Provincial de Bombeiros ascende este ano a 3.144.000 euros. Xunta e Deputación, que o financian a medias, aforrarán neste servizo en 2014 case un millón de euros. Foi o que destacaron esta mañá no Pazo Provincial Rafael Louzán e Alfonso Rueda. Ambos dirixentes incidiron na importancia deste servizo, que dá traballo a cen persoas e cobertura a entre o 60 e o 70% da poboación da provincia exceptuando os municipios de Vigo e Pontevedra que contan co seu propio parque. Louzán subliñou que Deputación e Xunta traballan para dar cobertura ao 100% da poboación e lembrou que aos concellos que se atopan a máis de 20 minutos dos parques de bombeiros teñen cobertura de emerxencias a través dos GES. O Consorcio Provincial de Bombeiros integra os parques comarcais de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía, aos que hai que sumar o de Deza-Tabeirós. O servizo atende unha media de 1.000 incidencias anuais.