A Xustiza entende que a catástrofe do Prestige non ten culpables

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/13/foto_prestige.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/13/sentencia_prestige.mp4{/flowplayer} O SALNÉS> A maior catástrofe medioambiental do noso país queda sen culpables once anos despois. A Audiencia da Coruña ven de absolver ás tres persoas que sentaban no banquiño dos acusados como responsables penais da catástrofe do Préstige; só o capitán do buque Apóstolos Mangouras, foi condenado a nove meses de prisión por un delicto de desobediencia grave ás Autoridades Españolas cando se quería comezar a remolcar o buque. A sentencia do caso Prestige foi feita pública xusto hoxe cando se cumpren once anos do comezo da traxedia que encheu de chapapote as costas galegas. Segundo este fallo da Audiencia da Coruña, a que foi a meirande catástrofe medioambiental da historia de España non ten responsables penais. O xuíz Luis Pía, no seu informe resumido en hora e cuarto, absolveu ó Capitán do barco, Apostolos Mangouras, o xefe de máquinas Nikolaos Argyropulos; e ó daquela Director Xeral da Mariña Mercante, José Luis López- Sors dos delictos contra o medio ambiente e dos danos a espacios naturais protexidos. A única pena imposta pola Audiencia Coruñesa foi a de nove meses de prisión ó Capitán do Prestige, Mangouras, por un delicto de desobediencia ás Autoridades Marítimas Españolas no momento do remolque. Segundo argumenta o fallo xudicial, a dilación de tres horas na resposta que o Capitán xustificou na demora de contestación da compañía armadora, responde máis a intereses económicos e, en calquera caso, non xustifican esa desobediencia nunha situación de emerxencia. Asemade, imponse á consignataria do Prestige unha multa de case 23 millóns de euros. O xuíz non considera probado que o Capitán e o maquinista coñeceran o ruinoso estado do buque e entende que non actuaron dolosamente e a súa imprudencia relativa, no caso de existir, non sería o suficientemente grave, como para seren condenados por iso. No caso de López-Sors, e por ende, o Estado Español, esgrime o maxistrado que se actuou conforme ó asesoramento e ós datos técnicos que se dispoñía buscando o menor impacto medioambiental posible. O que si apuntou Pía no seu relatorio é que o accidente se debeu a un fallo estructural cunha orixe que ninguén pode precisar e considera probado o fallo estructural no petroleiro, amais do seu mantemento deficiente. Aquí sinala á empresa encargada de certificar as condicións do buque, ABS, como a que emitiría un informe enganoso sobre as condicións reais da embarcación. Unha clasificadora contra a que xa se querelou e xa perdeu o xuízo o Goberno Español nos Estados Unidos.