O Salnés busca chamar a atención dos turistas alemáns

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/15/touroperadores.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/15/touroperadores_mancomunidade_151113.mp4{/flowplayer} O GROVE> Varios touroperadores alemáns mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo con varios alcaldes e representantes do Salnés no Obradoiro de Emprego de Hostalería do Salnés. Con esta reunión, a Mancomunidade do Salnés intenta coñecer os vieiros de penetración que debe seguir para chegar ó público teutón de gran poder adquisitivo. A gastronomía e a paisaxe son os principais acicates para que o público alemán poida visitar o Salnés fronte a outros destinos turísticos. Pola contra, o principal atranco á hora de recibir visitantes noreuropeos é a falla de conexións aéreas cas cidades europeas máis destacadas. Estas son as principais conclusións que se tiran da xuntanza que mantiveron esta mañá no Obradoiro de Emprego da Hostalería do Salnés os Alcaldes, representantes dos Concellos e de varias entidades turísticas da zona e varios touroperadores alemáns que levan varios días valorando este destino. Polo xeral están impresionados cunha parte de España que se afasta dos clichés que adoitan ter no seu país. Un noroeste peninsular vencellado ó mar e cheo de Cultura que ten no Camiño de Santiago o seu principal punto de atención turística; non só polo seu significado relixioso senón polo achegamento á natureza, ó sendeirismo e á tradición, todos eles puntos de ataque importantes para o target turístico alemán. O certo é que as Rías Baixas en si como destino turístico segue a ser un descoñecido para o global do público alemán; razón pola cal, os Alcaldes aproveitaron para indagar cales serían as estratexias de mercadotécnia máis axeitadas para publicitarse no país máis avanzado de Europa. Recomendáronlle medios xeralistas de tirada nacional pero máis ben a xeito de artigos de opinión ou reportaxes favorables, máis aló das insercións publicitarias tradicionais. O gran problema é que o tirón do Camiño de Santiago segue a súa prolongación natural ata a Costa da Morte e para desviar e intensificar ó fluxo ata as Rías Baixas compre apostar pola tradición; pola singularidade; xa que o turismo de sol e praia ten un competidor inapelable no sur de España e nas Illas. Aquí, cómpre ter en conta que os períodos vacacionais en Europa son máis curtos polo que a dilación que presentan a día de hoxe a falla de voos directos supón un gran handicap.