Máis voces contra a Lei de Acuicultura

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/25/acuicultura_poio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/25/acuicultura_poio.mp4{/flowplayer}

 

SALNÉS> A oposición ao proxecto da Lei de Acuicultura comeza a coller forma. Esta fin de semana o sector anunciou mobilizacións contra o texto, e a Federación Galega de Confrarías prevé unha manifestación en Santiago para amosar o seu rexeitamento. Ademais, esta semana a oposición á lei de acuicultura tamén estivo e estará presente nos plenos de moitos concellos, nos que os políticos posicionaranse do lado do sector. É o caso de Poio, Vilanova, Vilagarcía, Sanxenxo ou O Grove.

A oposición ao anteproxecto da Lei de Acuicultura entra na orde do día do pleno de mañá en Poio. O BNG leva unha moción de apoio a mariscadores e confrarías da ría de Pontevedra, pedindo a retirada do documento.

Para os nacionalistas, o anteproxecto suporá unha reconversión da pesca e o marisqueo tradicional, atacando o actual modelo tradicional do sector.

Critican, ademais, a importante partida orzamentaria que a Xunta destina á acuicultura no 2016, en detrimento das axudas ao sector marisqueiro.

Os nacionalistas cargan contra o Partido Popular da Xunta por levar adiante este proxecto, pero as formacións locais do PP tamén se opoñen á nova lei. É o caso de Vilanova, onde hoxe levouse a pleno unha moción proposta polo Consello do Mexillón que os populares asumiron como propia. Non gusta, sobre todo, que non se consultara co sector.

A oposición á futura Lei de Acuicultura tamén se debateu no pleno desta noite en Sanxenxo, mediante unha moción do goberno local, e está incluída na orde do día da sesión ordinaria que o xoves se celebrará en Vilagarcía, a través dunha proposta presentada polo sector.