VILAGARCIA> Vilagarcía anima á veciñanza a alimentar un comelixo. O concello pon en marcha unha nova campaña para fomentar a separación de residuos. Salientan que na cidade cada vez se recicla máis e mellor, pero que cómpre seguir dando pasos. Destacan a importancia de separar o lixo para evitar que os custes suban, porque -lembran- as novas normas penalizan todo o lixo que chega mesturado a Sogama.
A familia dos Comelixos de Vilagarcía volverá estar moi presente nos fogares da cidade. O concello pon en marcha unha nova campaña na que Monicartón, Vidroberto, Rubénvases e Organicarme teñen a misión de concienciar á veciñanza sobre a importancia de separar os residuos.
Destacan que canto mellor o fagan os cidadáns, máis limpa estará a cidade. Pero a campaña ten tamén outro obxectivo: canto máis separemos en orixe, menos cara nos sairá a factura.
Para concienciar sobre isto, o concello vai repartir 10.000 folletos informativos porta a porta, aportando datos sobre os custos da xestión do lixo.
E destacan que a fracción orgánica está collendo ritmo en Vilagarcía, xerando 30 toneladas ao mes, grazas aos colectores marróns e a implantación de composteiros comunitarios e individuais no rural. Con este avance, o total de quilos recollidos na fracción resto segue a baixar, co dato máis baixo dende 1999, cando comezaron os rexistros.









