Vilanova estrea método propio para monitorizar a diario o impacto do coronavirus no concello

VILANOVA> Vilanova deseña o seu propio método para determinar niveis de risco COVID no concello. Con este sistema farán un seguimento diario da evolución dos posibles contaxios no municipio, valorando o risco en catro niveis: verde, amarelo, laranxa ou vermello. Estes índices serán o referente á hora de autorizar ou non a celebración de actividades e eventos.

Vilanova adapta para o concello a fórmula da universidade estadounidense de Harvard para medir o impacto da COVID no municipio. A intención do goberno local é facer un seguimento diario dos contaxios.

O método ten en conta o número de casos novos por cada cen mil habitantes e día. Deste xeito calcularase o nivel de risco na área sanitaria Pontevedra-Salnés. No caso de Vilanova, a proporción extrapólase á poboación que ten o concello.

O goberno local quere crear unha ferramenta obxectiva e transparente para tomar decisións sobre as actividades permitidas ou non no concello. Para poder celebrar algún evento, terase en conta a situación dos 14 días previos.

A tarefa requirirá do esforzo do concello para recabar información. Máis aínda tendo en conta que a área sanitaria Pontevedra-Salnés non ofrece datos desagregados dos contaxios nos concellos. Algo que, segundo Durán, debería mudar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí