En Pontevedra xa examinan do carné de conducir por ordenador

PONTEVEDRA> Desde hoxe, as probas teóricas para obter o carné de conducir en Pontevedra deixan ó lado o papel para facerse integramente por ordenador. Só manterán o formato tradicional aqueles alumnos que xa se examinaran en papel, a repetición será tamén neste material, os que queiran recuperar puntos do carné e os que desexen sacar unha licenza específica. O novo sistema informático impedirá que os aspirantes poidan copiar e ofrécese en catro idiomas. As novas tecnoloxías chegan tamén ó exame de conducir e todos aqueles alumnos que a partir de hoxe se presenten por primeira vez á proba farana xa nun ordenador, seleccionando as opcións do test mediante pantalla táctil e cun reloxo que lle permite controlar o tempo co que conta. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, o sistema optimiza a fórmula para obter a licenza de circulación estándar, e está deseñada a proba de ‘pillos’. E é que desde agora, acabouse o copiar, xa que cada un dos test será diferente porque o sistema selecciona ó azar 30 preguntas de entre as 15.500 opcións que alberga a base de datos. Ó facerse a través da pantalla táctil, os aspirantes poderán cambiar cantas veces desexen as respostas durante a media hora da que dispoñen. Iso si, se cometen máis de tres erros na proba, quedarán suspensos. Para que os alumnos se vaian familiarizando co novo tipo de exame, existe un modelo de autoevaluación na web da DXT co que se pode practicar desde casa. As probas ofrécense en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. Pero a implantación do sistema dixital non implica o esquecemento do papel. Seguirá habendo exames escritos para os alumnos que xa se examinaran con este sistema e teñan que repetir o cuestionar por telo suspendido, os que intenten recuperar os puntos do carné e os aspirantes a unha licenza especial. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/21/EXAMEDCTPONTEVEDRA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/21/SUBDELEGACION_EXAMES_TRAFICO.mp4{/flowplayer}