A Xunta Local de Seguridade perfila o dispositivo para o Mundial de Triatlón

PONTEVEDRA> A Xunta Local de Seguridade reuniuse esta mañá para perfilar o dispositivo necesario durante a celebración na primavera do Mundial de Triatlón. Á xuntanza asistiron, entre outros, o alcalde, a subdelegada do goberno, a comisaria provincial, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil e o xefe da Policía Local.

O concello comezou a perfilar o dispositivo de seguridade para os campionatos do Mundo de Triatlón nunha xuntanza celebrada esta mañá á que asistiron os representantes dos corpos e forzas de seguridade.

O alcalde destacou a importancia de controlar os detalles dun evento deportivo de tanta transcendencia, que reunirá entre o 27 de abril e o 4 de maio a máis de 4.000 deportistas e arredor de 10.000 persoas.

Como apuntou a subdelegada do goberno, a colaboración entre as distintas forzas de seguridade será fundamental neste evento de carácter internacional.

Aínda que non se concretou o número de efectivos que atenderán a proba, a comisaria provincial xa apuntou que ó coincidir coa ponte de maio, non se concederán permisos para eses días, co fin de contar co 100% do persoal.

A información recollida na reunión será trasladada ós mandos do Ministerio do Interior por se consideran oportuno o reforzo dos corpos policiais durante a celebración da competición deportiva.