Poio prepara un Día de Colón con festa, ambientación e divulgación para defender a teoría do Colón galego

POIO> Poio ultima os preparativos para unha nova edición do Día de Colón. Será o 8 e o 9 de maio, cunha fin de semana dirixida a divulgar a tese do Colón galego, enchendo Combarro de ambientación e todo tipo de actividades. Tamén xa coñecemos quen será o pregoeiro este ano. A apertura da festa correrá a cargo de Mundo Nores, veciño de San Salvador, recoñecendo a súa implicación dende os inicios do evento.

Historia, cultura e lecer encherán as rúas de Combarro na fin de semana do 8 e 9 de maio. Celebrarase a décimo segunda edición do Día de Colón.

Cunha completa programación o concello converterá Combarro nun escenario para reivindicar a teoría do Colón galego. Haberá actividades e espectáculos de ambientación medieval con música en directo, animación de rúa e mercado artesanal.

Ademais de ser unha festa divulgativa, o concello tamén aposta polo Día de Colón para dinamizar a hostalería da zona de Combarro. Unha estratexia que nos últimos anos resultou un éxito.

O Día de Colón comezará o venres 8 de maio coa chegada ás 7 e media da tarde da nao Santa María con Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa. A continuación será a lectura do pregón a cargo de Mundo Nores.