Os afectados polo PIA de San Amaro séntense ‘desamparados’ polo concello e pola Xunta

PONTEVEDRA> Medio cento de veciños afectados por este PIA de San Amaro asistiron hoxe ao pleno de Pontevedra. Antes da sesión criticaron a xestión realizada do proxecto. Denuncian a falta de comunicación previa e preocúpalles especialmente a pinza de prezos que se fixa no Diario Oficial de Galicia, con compensacións de entre 2 e 10 euros por metro cadrado. A conselleira de Vivenda, María Martínez, reunirase con eles este venres 22 de maio.

Medio cento de veciños afectados polo PIA de San Amaro seguiu dende o público o debate plenario.

Antes do inicio da sesión, acusaban ao concello de non defender os seus intereses e lamentaban a falta de comunicación que rodeara a tramitación do proxecto.

Tamén lles preocupan as cifras que se manexan nun inicio para compensalos polas expropiacións. A documentación técnica fixa indemnizacións entre 2 e 10 euros por metro cadrado.

En canto á proposta da Xunta que apunta á posibilidade de que os veciños participen no desenvolvemento urbanístico, non a ven como unha opción real.

Tralo pleno de hoxe, os veciños están convocados a unha reunión coa consellería de Vivenda. Será este venres 22 de maio para analizar o grao de afectación das propiedades.