O viaduto do AVE sobre o Ulla estará rematado en 2014

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/25/avecatoira.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/25/ANA_PASTOR_AVE_CATOIRA.mp4{/flowplayer} CATOIRA> ‘Se non hai problemas técnicos, porque económicos non os hai’, as obras do Eixo Atlántico do AVE estarán finalizadas o ano que vén e o Tren de Alta Velocidade chegará a Galicia no 2018. Son as previsións que esta fin de semana ratificou a ministra de Fomento, Ana Pastor, durante a visita realizada ó viaduto que se está a construír sobre o Ulla. Pastor asegurou que a actuación está a cumprir os prazos estipulados e adiantou que esta é a primeira dunha rolda de visitas que realizará a outras obras da alta velocidade en Galicia. O ano que vén o Eixo Atlántico da Alta Velocidade estará concluído. As previsións do Ministerio de Fomento axústanse ás indicacións dos técnicos do proxecto que apuntan a que a actuación marcha en tempo e se non hai imprevistos de tipo técnico, cumpriranse as previsións. Parece que o plano económico, o financiamento, non é problema. Segundo a ministra Ana Pastor os orzamentos para este capítulo están xa ben atados, e se no 2014 se rematará o Eixo Atlántico, no 2018 o AVE chegará a Galicia. Fomento ten claro que a Alta Velocidade é un medio de transporte clave para a comunidade galega, co que, en canto as obras estean rematadas non agardarán en poñer as infraestruturas en funcionamento. Pastor remarcou que cando estea finalizado o treito entre Santiago e Vigo, o tempo de viaxe entre estas cidades será de 45 minutos, e entre Vigo e A Coruña dunha hora dez minutos. Estas obras do viaduto sobre o Ulla son ‘das máis complexas do treito’, como salientaba o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. O impulso á mobilidade non é o único proveito que o AVE traerá a Galicia. Ana Pastor salientou a relevancia económica que están a supoñer estas obras, coa xeración dun ‘importante número’ de postos de traballo. Tras esta visita a Catoira, a ministra de Fomento desprazarase en vindeiras semanas a outras obras da Alta Velocidade nas provincias de Pontevedra e Ourense para supervisar a súa marcha.