A actriz Susana Sampedro, profeta na súa terra

RIBEIRA> O concello de Ribeira brindou unha recepción á actriz Susana Sampedro. A intérprete ribeirense vén de gañar o Mestre Mateo como mellor actriz de reparto polo seu papel de Carme na longamentraxe Matria.

Merecida homenaxe a recibida esta mañá pola actriz Susana Sampedro. Veciños, amigos e familiares da intérprete ribeirense sumáronse á recepción brindada polo concello para recoñecer os éxitos acadados na súa xa consolidada traxectoria profesional.

E é que entre os fitos máis destacados da súa carreira destaca o recente premio Mestre Mateo como mellor actriz de reparto polo seu papel de Carme en Matria. Un personaxe que tantas alegrías lle está a dar e no que, recoñece, hai moito de Susana.

Na actualidade, Susana Sampedro está inmersa noutro proxecto ilusionante: a peza teatral ‘O mundo está roto e pódese camiñar’ que vén de estrear.

Aínda que de momento non nos pode desvelar máis detalles deses proxectos de futuro, de seguro que van ser todo un éxito posto que non hai nada que se lle resista a esta polifacética actriz ribeirense.